Modo galego, actívao! 2026-2027

Volve o mes de compromiso co galego da man do programa Modo galego, actívao!. Esta quinta edición vaise desenvolver do 11 de xaneiro ao 12 de febreiro de 2027 e o lema será Lingua máxica! Ímonos mergullar no incrible mundo da mitoloxía galega para aprender moitas cousas sobre as nosas lendas, misterios e criaturas fantásticas.
Este proxecto non para de medrar e, como gran novidade desta edición, anunciamos que se suman os centros de educación infantil e primaria do concello de Rois ás escolas e colexios amesáns.
Co gallo desta primeira expansión máis aló de Ames, estreamos unha nova páxina web especialmente deseñada para facilitar o seguimento da programación e axilizar o intercambio entre aulas e centros. Agardamos que vos guste moito e que contribúa a activar máis e mellor e modo galego!
A principal diferenza desta nova plataforma é que as aulas van ter un espazo reservado ao que se pode acceder mediante un rexistro previo. Isto non é imprescindible para seguir o programa, pois as entradas e os retos diarios hanse publicar, coma sempre, en aberto para todo o mundo. Agora ben, rexistrarse ten premio: dá acceso a un Activador MGA! completamente renovado, permite consultar con antelación a programación futura, deixa ver o que se esta a facer noutras aulas e fai posible compartir as vosas propias experiencias.
Se es docente nalgún dos centros educativos participantes, animámoste a dar de alta desde xa a túa aula na sección «ACCEDE» deste sitio web. Unha vez que a túa conta sexa validada pola persoa que coordina o MGA! no teu centro, poderás entrar no espazo reservado, consultar as actividades a medida que estean listas e comezar a fedellar en todas as posibilidades da nova web.
Se tes algunha dúbida, podes falar co Equipo de Dinamización da Lingua Galega do teu centro.
En breve, volvemos!